Cambiamos a hora?

>> quarta-feira, 31 de outubro de 2007

Unha proposta do BNG no parlamento de Galiza pon en dúbida a rentabilidade que lle supón aos galegos o recente cambio de hora. Segundo os nacionalistas, os galegos perden en calidade de vida adiando unha hora os reloxos e o aforro enerxético e só dun 0.4%, moi lonxe dos 6-8% que aforran no resto do Estado. Isto ven orixinado porque Galiza ten asignada unha hora que non lle corresponde polo fuso horario no que se sitúa. No Barcelona Atlántica pensamos en preguntar a xentes que viviron recentemente en Catalunya e agora viven en Galiza, é dicir, cambiaron de fuso horario. Xosé Manuel dende Compostela e Eva e Diego dende Vigo coincidiron en que unha hora máis no serán cambia en grande medida os hábitos da xente, teñen máis tempo para facer cousas polas tardes... Diego comentaba que en moitas casas galegas, sobretodo no rural, o recente cambio de hora está mal visto, xa podíamos quedar co horario que tiñamos!

Por outra banda falamos sobre o AVE, comentando a situación nefasta que se vive en Galiza, con só un 8% dos tramos rematados. Cometamos unha nova na que se afirma que a esperanza de vida aumentou ata os 81 anos en España e que Galiza está situada por riba da media.

No Laboratori XXI falamos do tema da enerxía eólica. Cometamos a crise que se vive en Galiza entre o BNG e o Ministerio de Fomento, que pretende instalar muíños de vento na costa galega. Os ecoloxistas amosan o seu apoio ao BNG.

Finalmente Silvio trouxo de novo interesantísimos blogs, como As túas balas ou O demo me leve. Tamén aconsellounos visitar o blog de noticias Galicia Confidencial, un espazo para a liberdade de prensa, feito por xornalistas anónimos.

Read more...

Escoitando...

>> quarta-feira, 24 de outubro de 2007

Quixemos comezar o programa falando dun novo proxecto que nos chamou moito a atención. A xente de escoitar.org puxo en marcha unha idea para promocionar e dinamizar o noso patrimonio sonoro. Unha web baseada na API GoogleMaps que recolle os diferentes arquivos de audio con sons de Galiza que a xente vai pendurando. O coordenador do proxecto, o antropólogo Chiu Longina (na imaxe) explicábanos que o seus obxectivos tamén pasan por empregar o conxunto de arquivos sonoros para unha exploración social da realidade actual.

Como cada semana tivemos a oportunidade de lembrar a un novo científico, nesta ocasión ao médico do Barco de Valdehorras, Gonzalo Gurriarán, quen naceu no Barco no ano 1904 e marchou a estudar Medicina a Madrid onde rematou no ano1926. Da mesma maneira que o fixeron todos os investigadores destacados nestes primeiros anos do século XX, o médico do Barco tivo a oportunidade de facer a súa tese de doutoramento no estranxeiro, concretamente en Estrasburgo. Cando volveu a España montou unha consulta privada en Madrid ao tempo que continuaba os seus traballos de investigación, colaborando con xente de primeiro nivel como Negrín. O alzamento do 36 sorprendeuno nas súas vacacións no Barco e alí ficou agochado durante meses, non porque fora militante de partido algún nin tivera colaborado con entidades da esquerda, soamente polo grandísimo pecado de aceptar unha bolsa da ILE, institución de marcado carácter republicano.

No programa de onte tamén tivemos a oportunidade de contar coa presencia de Silvio Falcón co que tratamos unha grande diversidade de temas ao longo do programa. Falamos da web esquelas digitales, onde os usuarios teñen un recuncho eterno para os seus seres queridos. Tamén quixemos debater sobre o problema de Iolanda Castaño con Aduaneiros, a Asamblea Nacional da Esquerda Nacionalista-Mocidade, sobre as declaracións de Mariano Rajoy sobre o cambio climático e mesmo sobre o voto emigrante, un tema que de seguro volverá entrar no programa en semanas vindeiras.

Read more...

Comezou unha nova tempada

>> quarta-feira, 10 de outubro de 2007

Case dous meses despois as ondas do "Barcelona Atlántica" volveron voar sobre a zona leste de Barcelona. De novo martes ás 20h, no horario de sempre, por emisión dixital e analóxica. Quixemos dedicar o programa á música, en concreto á música festeira, esa que nos lembra as noites do verán galego. Grupos ourensáns, porque Ourense é o epicentro dese rexurdir da música galega, quizais como ben dí Xurxo Souto, porque nacen grupos na honra do grandísimo e incomparable Cuco de Velle. Primeira parte, música dos Guezos. Escoitamos tres temas do seu primeiro disco. Segunda parte, música de Lamatumbá, como non, desfrutamos do coñecido Licor Café, aínda que só nas ondas e non no vaso.

Amais non esquecemos a noso traballo a prol da ciencia, a prol de lembrar e de traer ao presente a todos aqueles científicos galegos que comezaban a acadar niveis de grande importancia a nivel internacional xusto antes da Guerra Civil. Nesta ocasión lembramos a Pedro Couceiro, coruñés licenciado en Química na primeira promoción da USC, no ano 1927. Cando rematou a carreira obtivo praza de profesor auxiliar pero axiña partiu cara Alemaña a traballar co Premio Nóbel Wieland, no seu laboratorio de Múnic. Pedro Couceiro recibiu bolsas da USC, da JAE e mesmo de Universidades de Alemaña, o que amosa que o seu traballo tamén foi moi valorado fóra das nosas fronteiras. Pedro Couceiro trasladouse a Madrid anos antes do alzamento do 36 cunha praza no Instituto de Investigación Animal. Cando chegou a guerra incorporouse ao exército republicano e no ano 1939 exiliouse a París. Foron anos de compromiso coa República, sen resultados dos seus traballos coma investigador. Non recuperou a imparable liña ascendente das súas investigacións ata a súa chegada a Montevideo onde fundou o coñecido laboratorio Proteo. Uruguai e sudamérica desfrutaron do traballo e das ensinanzas de Pedro Couceiro ata a súa morte no ano 1982.

Read more...

Comeza unha nova tempada no Barcelona Atlántica

>> segunda-feira, 8 de outubro de 2007

Este Martes, á hora de sempre, o programa "Barcelona Atlántica" volve ás ondas da cidade condal. Podes escoitarnos de novo por internet ou ben sintonizando Radio Trinitat Vella. Comezaremos cunha boa sesión de música galega, unha hora chea ritmo e de sons da terra. Deica o martes.

Read more...

About This Blog

Entradas máis populares

  © Blogger template Werd by Ourblogtemplates.com 2009

Back to TOP