Comezou unha nova tempada
>> quarta-feira, 10 de outubro de 2007
Case dous meses despois as ondas do "Barcelona Atlántica" volveron voar sobre a zona leste de Barcelona. De novo martes ás 20h, no horario de sempre, por emisión dixital e analóxica. Quixemos dedicar o programa á música, en concreto á música festeira, esa que nos lembra as noites do verán galego. Grupos ourensáns, porque Ourense é o epicentro dese rexurdir da música galega, quizais como ben dí Xurxo Souto, porque nacen grupos na honra do grandísimo e incomparable Cuco de Velle. Primeira parte, música dos Guezos. Escoitamos tres temas do seu primeiro disco. Segunda parte, música de Lamatumbá, como non, desfrutamos do coñecido Licor Café, aínda que só nas ondas e non no vaso.
Amais non esquecemos a noso traballo a prol da ciencia, a prol de lembrar e de traer ao presente a todos aqueles científicos galegos que comezaban a acadar niveis de grande importancia a nivel internacional xusto antes da Guerra Civil. Nesta ocasión lembramos a Pedro Couceiro, coruñés licenciado en Química na primeira promoción da USC, no ano 1927. Cando rematou a carreira obtivo praza de profesor auxiliar pero axiña partiu cara Alemaña a traballar co Premio Nóbel Wieland, no seu laboratorio de Múnic. Pedro Couceiro recibiu bolsas da USC, da JAE e mesmo de Universidades de Alemaña, o que amosa que o seu traballo tamén foi moi valorado fóra das nosas fronteiras. Pedro Couceiro trasladouse a Madrid anos antes do alzamento do 36 cunha praza no Instituto de Investigación Animal. Cando chegou a guerra incorporouse ao exército republicano e no ano 1939 exiliouse a París. Foron anos de compromiso coa República, sen resultados dos seus traballos coma investigador. Non recuperou a imparable liña ascendente das súas investigacións ata a súa chegada a Montevideo onde fundou o coñecido laboratorio Proteo. Uruguai e sudamérica desfrutaron do traballo e das ensinanzas de Pedro Couceiro ata a súa morte no ano 1982.
1 comentários:
aaaah falta un ano para desfrutar de novo esa festi-borracheira rural!!!
Enviar um comentário