Voltando ás ondas...

>> quarta-feira, 9 de maio de 2007

Despois da ausencia da semana pasada, onte Radio Trinitat Vella volveu emitir ondas galegas, como sempre de 20h a 21h. Contamos coa presenza dos xa habituais no programa, Ana Belén Real, Pablo Aguiar e Rubén Conde. . Comezamos tratando de explicar aos nosos oíntes o gran festival de música galega en Barcelona SonGaliza que se celebrará esta fin de semana. Ninguén mellor que o coordenador do proxecto, Xosé Mari Sancho para nos explicar polo miúdo todos e cada un dos actos dos que poderemos desfrutar. Como cada semana, o noso Laboratori XXI tratou os temas máis curiosos do mundo científico. Nesta ocasión comentamos a descuberta da tumba do Rei Herodes (si, si, aquel Herodes que comía aos rapaces, como ben dixo Ana Belén) por parte de científicos do Israel. Parece ser que o estado actual é bastante malo por mor dos ataques que sufriu nas revoltas xudeas, anos despois do seu enterramento. Como vén sendo costume, lembramos a un novo persoeiro do mundo científico galego. Desta volta, o protagonista foi José Pérez López-Villamil, quizais o psiquiatra galego máis importante da historia. Lembramos que estudou entre Compostela e Madrid, que traballou como profesor en Madrid, Salamanca e Compostela e que fixo estancias de traballo nos laboratorios máis importantes do mundo, en E.E.U.U., Alemaña, Suiza, Cuba... Esta considerado como a persoa que trouxo a psicoanálese ás universidades e hospitais galegos. Mesmo se falaba de que recibiu a felicitación persoal do grande Sigmund Freud polos seus traballos neste ámbito. Rematamos lembrando a situación que se vive no Ferrol, onde un barco-gaseiro tentou entrar á Ría para descargar gas licuado na planta de Reganosa. Nos dous primeiros intentos os mariscadores da zona conseguiron evitar a descarga. Veremos qué ocorre. Máis nada, lembrar que o martes que vén falaremos das eleccións municipais en Galicia e pasa eso teremos a oportunidade de ter nos nosos estudos a Paco Castro, responsable do BNG de Catalunya e máis de representantes de Galiza Nova Barcelona.

0 comentários:

Enviar um comentário

About This Blog

Entradas máis populares

  © Blogger template Werd by Ourblogtemplates.com 2009

Back to TOP