O novo BCN Atlántica

>> quinta-feira, 6 de dezembro de 2007

Nas últimas semanas temos vivido moitos cambios. Primeiro foi a marcha do noso amigo Pablo Aguiar, que durante tanto tempo comandou a nave do Barcelona Atlàntica. Silvio Falcón, colaborador regular dende un tempo a esta parte, facíase coa difícil misión de darlle un sentido ao barco do programa. E, o pasado martes día 4 de Decembro, incorporou a un novo membro ao equipo: Pablo Ínsua ao que os nosos oíntes xa poideron ter a ocasión de escoitar falar das novas da semana. Pois sí, despois de todos estes cambios aparentes, o Barcelona Atlàntica segue a súa liña de sempre. No programa deste Martes día 4, envoltos nun ambiente bastante melancólico escoitando as músicas de BSO de Mar Adentro, falouse da implatación do Plan Boloña nas universidades galegas, dos problemas dos mozos pra mercar unha vivenda, a reestructuración da Xunta Local en Ourense do PP pra poder recuperar, da man de Poly e de Baltar, a alcaldía na cidade das Burgas e, por último, a elección de Manuel Fraga (polos internautas de xornal.com) como o mellor presidente da historia de Galiza. De todo isto opinaron Pablo Ínsua e Silvio Falcón, aos que posteriormente se sumaron as apreciacións de Pablo Aguiar, via telefónica dende Vigo, pra comentar as reaccións na sociedade catalana despois do voto en contra por parte do BNG á reprobación no Congreso á ministra de Fomento pola crise ferroviaria en Catalunya. No Laboratori XXI comentamos a situación deplorábel dos encoros galegos (o de Cecebre, concretamente) e na parte de tecnoloxía falamos de blogs. "De pinchos" e Turismo en Galicia foron algúns dos comentados. Deica o próximo martes!

Read more...

Cambiamos a hora?

>> quarta-feira, 31 de outubro de 2007

Unha proposta do BNG no parlamento de Galiza pon en dúbida a rentabilidade que lle supón aos galegos o recente cambio de hora. Segundo os nacionalistas, os galegos perden en calidade de vida adiando unha hora os reloxos e o aforro enerxético e só dun 0.4%, moi lonxe dos 6-8% que aforran no resto do Estado. Isto ven orixinado porque Galiza ten asignada unha hora que non lle corresponde polo fuso horario no que se sitúa. No Barcelona Atlántica pensamos en preguntar a xentes que viviron recentemente en Catalunya e agora viven en Galiza, é dicir, cambiaron de fuso horario. Xosé Manuel dende Compostela e Eva e Diego dende Vigo coincidiron en que unha hora máis no serán cambia en grande medida os hábitos da xente, teñen máis tempo para facer cousas polas tardes... Diego comentaba que en moitas casas galegas, sobretodo no rural, o recente cambio de hora está mal visto, xa podíamos quedar co horario que tiñamos!

Por outra banda falamos sobre o AVE, comentando a situación nefasta que se vive en Galiza, con só un 8% dos tramos rematados. Cometamos unha nova na que se afirma que a esperanza de vida aumentou ata os 81 anos en España e que Galiza está situada por riba da media.

No Laboratori XXI falamos do tema da enerxía eólica. Cometamos a crise que se vive en Galiza entre o BNG e o Ministerio de Fomento, que pretende instalar muíños de vento na costa galega. Os ecoloxistas amosan o seu apoio ao BNG.

Finalmente Silvio trouxo de novo interesantísimos blogs, como As túas balas ou O demo me leve. Tamén aconsellounos visitar o blog de noticias Galicia Confidencial, un espazo para a liberdade de prensa, feito por xornalistas anónimos.

Read more...

Escoitando...

>> quarta-feira, 24 de outubro de 2007

Quixemos comezar o programa falando dun novo proxecto que nos chamou moito a atención. A xente de escoitar.org puxo en marcha unha idea para promocionar e dinamizar o noso patrimonio sonoro. Unha web baseada na API GoogleMaps que recolle os diferentes arquivos de audio con sons de Galiza que a xente vai pendurando. O coordenador do proxecto, o antropólogo Chiu Longina (na imaxe) explicábanos que o seus obxectivos tamén pasan por empregar o conxunto de arquivos sonoros para unha exploración social da realidade actual.

Como cada semana tivemos a oportunidade de lembrar a un novo científico, nesta ocasión ao médico do Barco de Valdehorras, Gonzalo Gurriarán, quen naceu no Barco no ano 1904 e marchou a estudar Medicina a Madrid onde rematou no ano1926. Da mesma maneira que o fixeron todos os investigadores destacados nestes primeiros anos do século XX, o médico do Barco tivo a oportunidade de facer a súa tese de doutoramento no estranxeiro, concretamente en Estrasburgo. Cando volveu a España montou unha consulta privada en Madrid ao tempo que continuaba os seus traballos de investigación, colaborando con xente de primeiro nivel como Negrín. O alzamento do 36 sorprendeuno nas súas vacacións no Barco e alí ficou agochado durante meses, non porque fora militante de partido algún nin tivera colaborado con entidades da esquerda, soamente polo grandísimo pecado de aceptar unha bolsa da ILE, institución de marcado carácter republicano.

No programa de onte tamén tivemos a oportunidade de contar coa presencia de Silvio Falcón co que tratamos unha grande diversidade de temas ao longo do programa. Falamos da web esquelas digitales, onde os usuarios teñen un recuncho eterno para os seus seres queridos. Tamén quixemos debater sobre o problema de Iolanda Castaño con Aduaneiros, a Asamblea Nacional da Esquerda Nacionalista-Mocidade, sobre as declaracións de Mariano Rajoy sobre o cambio climático e mesmo sobre o voto emigrante, un tema que de seguro volverá entrar no programa en semanas vindeiras.

Read more...

Comezou unha nova tempada

>> quarta-feira, 10 de outubro de 2007

Case dous meses despois as ondas do "Barcelona Atlántica" volveron voar sobre a zona leste de Barcelona. De novo martes ás 20h, no horario de sempre, por emisión dixital e analóxica. Quixemos dedicar o programa á música, en concreto á música festeira, esa que nos lembra as noites do verán galego. Grupos ourensáns, porque Ourense é o epicentro dese rexurdir da música galega, quizais como ben dí Xurxo Souto, porque nacen grupos na honra do grandísimo e incomparable Cuco de Velle. Primeira parte, música dos Guezos. Escoitamos tres temas do seu primeiro disco. Segunda parte, música de Lamatumbá, como non, desfrutamos do coñecido Licor Café, aínda que só nas ondas e non no vaso.

Amais non esquecemos a noso traballo a prol da ciencia, a prol de lembrar e de traer ao presente a todos aqueles científicos galegos que comezaban a acadar niveis de grande importancia a nivel internacional xusto antes da Guerra Civil. Nesta ocasión lembramos a Pedro Couceiro, coruñés licenciado en Química na primeira promoción da USC, no ano 1927. Cando rematou a carreira obtivo praza de profesor auxiliar pero axiña partiu cara Alemaña a traballar co Premio Nóbel Wieland, no seu laboratorio de Múnic. Pedro Couceiro recibiu bolsas da USC, da JAE e mesmo de Universidades de Alemaña, o que amosa que o seu traballo tamén foi moi valorado fóra das nosas fronteiras. Pedro Couceiro trasladouse a Madrid anos antes do alzamento do 36 cunha praza no Instituto de Investigación Animal. Cando chegou a guerra incorporouse ao exército republicano e no ano 1939 exiliouse a París. Foron anos de compromiso coa República, sen resultados dos seus traballos coma investigador. Non recuperou a imparable liña ascendente das súas investigacións ata a súa chegada a Montevideo onde fundou o coñecido laboratorio Proteo. Uruguai e sudamérica desfrutaron do traballo e das ensinanzas de Pedro Couceiro ata a súa morte no ano 1982.

Read more...

Comeza unha nova tempada no Barcelona Atlántica

>> segunda-feira, 8 de outubro de 2007

Este Martes, á hora de sempre, o programa "Barcelona Atlántica" volve ás ondas da cidade condal. Podes escoitarnos de novo por internet ou ben sintonizando Radio Trinitat Vella. Comezaremos cunha boa sesión de música galega, unha hora chea ritmo e de sons da terra. Deica o martes.

Read more...

O programa onde a música non quixo soar

>> quarta-feira, 13 de junho de 2007

Comezamos un chisco tarde, as 20:07h, pero chegamos cargados de cousas.

Falamos con Antón o autor do blog Paxaradas, que aparece no primeiro posto da web Alianzo. Antón comentounos os contidos básicos do blog, no que pendura traballos de banda deseñada que antes se publicaban en formato papel. Tamén nos dixo se foi espallando Paxaradas a partir do seu grupo de coñecidos. Pola ollada que puidemos botar, paga a pena a visita, aí tedes o link.

Aínda que non adoitamos falar de economía, os datos que apareceron esta semana nos xornais fixeron que estivésemos na obriga de facelo. Rubén comentou a situación da economía galega, que medra case un punto por riba da media española. Nesta liña, comentamos os novos datos dos padróns municipais, nos que Galicia posúe hoxe 2.771.341 habitantes, dos que 81.023 son chegados de fóra. A variación de poboación neste ano foi positiva, +3.817 habitantes, grazas aos inmigrantes claro está. Nunca o noso país tivo unha chegada de inmigrantes deste tipo, bo sinal non?. Algo está cambiando...

No Laboratori XXI falámos do cancro de útero, pois no Hospital do Mar en Barcelona acaban de botar a andar unha nova técnica de diagnóstico para facer citoloxías que se chama citoloxía en medio líquido. Parece que a nova metodoloxía permite aumentar o número de citoloxías por hora e amais mellorar a fiabilidade.

Pechamos falando da Festa do Boi de Allariz con Judith Vázquez, que estivo esta fin de semana por alí e que nos achegou o ambiente que se viviu na vila ourensá.

Por certo, ao noso técnico Jordi non lle gustou aquilo de Bésame, soy gallego de Siniestro Total e non puidemos escoitala. A semana que vén estará o Pol, a ver se hai sorte!

Read more...

Día Mundial do Clima

>> quarta-feira, 6 de junho de 2007

Quixemos comezar o programa falando con Diego Fernández, galego residente en Vigo, ex-colaborador de ERGAC e que constitúe un deses casos de retroemigración Galicia-Catalunya-Galicia. Tiñamos interese en coñecer cales eran as súas sensacións despois de pasar dous anos traballando en Barcelona e volver. Como poderíamos agardar, non todo é blanco e negro. Comentou que o traballo en Catalunya é moito máis serio, a xente traballa de xeito máis eficiente, namentres en Galicia todo é máis imprevisible. Por outra banda, afirma que gañou tranquilidade na súa vida diaria, que vive máis o día a día.


O Laboratori XXI trouxo a Xoán Vicente Viqueira, filósofo que naceu en Madrid no 1886 pero que pasou boa parte da súa vida na Coruña. Estudou en Madrid e fixo os seus traballos de doutoramento en contacto cos filósofos máis destacades deses anos, nas universidades europeas de Berlín, Leipzig ou Londres. Despois de viaxar e traballar en moitos sitios, volveu á Coruña onde presidiu as Irmandades da Fala>.
Este Martes 5 de Xuño, o noso programa coincidía co Día Mundial do Clima. Como moitos saberedes os políticos do G8 teñen previstas diferentes xuntanzas para debater sobre o cambio climático, nestes días tan ben elexidos ao redor do Día Mundial do Clima, veremos si arranxan algo. No programa comentamos que países como China, invitado nestas xuntanzas, chega cunha sentencia clara, antepoñer o seu desenvolvemento ao clima, coa desculpa de que de isto dependerá o fin da pobreza no mundo. As propostas de China pasan por apostar claramente pola enerxía nuclear. Por outra banda E.E.U.U. en voz do seu presidente destacou o moito que hai que traballar para non pagar os efectos do cambio climático nos anos vindeiros, pero non fai propostas claras. Angela Merkel asegura que o Protocolo de Kioto é innegociable.

Read more...

Catalán en Galicia

>> quarta-feira, 23 de maio de 2007

Na nosa opinión, o tema da semana non foron as eleccións, das que xa falamos abondo. Pensamos que realmente interesante foi a noticia que publicaba esta semana pasada La Voz de Galicia na que informaba das clases de catalán que se comezaron a impartir nun Instituto de Meira (Lugo). Tivemos a oportunidade de falar co filólogo Eduard del Castillo, catalán que reside actualmente en Galicia e que é o encargado de levar adiante estas clases. Comentounos que a día de hoxe a materia de catalán é unha actividade extraescolar e que pretenden que para o ano que vén poda entrar dentro do deseño do curso como unha materia optativa. Eduard pretende que os seus rapaces acaden un nivel que lles permita entender a lingua, que se podan desenvolver cun nivel mínimo, o que ao seu xuizo debe ser o primeiro paso para aprender unha lingua. Tamén tivemos a obriga de falar dos médicos residentes galegos que comezaban onte as xornadas de folga en protesta pola súa situación laborar. Judith Vázquez, residente de Hematoloxía no Hospital Xeral-Cíes e colaboradora do noso programa dende Vigo, comentounos que teñen prevista unha viaxe a sede da Xunta en Santiago para o día de hoxe para comezar a negociar a súa situación.

Read more...

Soa a sintonía do programa... No ar!!!

>> quarta-feira, 16 de maio de 2007

Hoxe tivemos connosco a Paco Castro, responsable do BNG-Catalunya e máis Silvio Falcón, membro de Galiza Nova en Barcelona para falar das eleccions municipais do vindeiro 27 de maio, tema que ocupou a maior parte do programa. Na sección Laboratori XXI falouse de Maria Victoria Díaz Riva, inspectora de Educación nada en Lugo no ano 1904. Destacou polo seu interese sobre o tratamento educativo dos trastornos da linguaxe por problemas de fonación infantil. Falamos tamén da publicación na rede do maior glosario científico da lingua chamado bUSCatermos, empregado ata agora a nivel interno pola Universidade de Santiago (USC), inclúe 134 mil fichas de 200 mil termos de especialidade, e se pode atopar a traducción dalgúns termos ao portugués, castelán, inglés e catalán.

Nesta ocasión tamén falamos de deportes. Tratamos o procesamento dun membro de Siareir@s por unas intervencions sobre a actuación policial na manifestación nacional levada a cabo unhas horas antes do partido Galiza-Ecuador. Tamén se comentou o debut do equipo galego de ciclismo Karpin Galicia, nun circuito portugués entre Compostela e Vigo o vinderio xoves.

Todo esto amenizado coa música de Berrogüeto, co tema Xente, lembrando o concerto do sábado pasado na plaça del rei, e co tema Licor café de Lamatumbá.

Read more...

HOXE: ESPECIAL ELECCIÓNS MUNICIPAIS EN GALICIA!!

>> terça-feira, 15 de maio de 2007

Nuns intres dende Radio Trinitat Vella Escoitanos ON-LINE Agardamos por ti

Read more...

Voltando ás ondas...

>> quarta-feira, 9 de maio de 2007

Despois da ausencia da semana pasada, onte Radio Trinitat Vella volveu emitir ondas galegas, como sempre de 20h a 21h. Contamos coa presenza dos xa habituais no programa, Ana Belén Real, Pablo Aguiar e Rubén Conde. . Comezamos tratando de explicar aos nosos oíntes o gran festival de música galega en Barcelona SonGaliza que se celebrará esta fin de semana. Ninguén mellor que o coordenador do proxecto, Xosé Mari Sancho para nos explicar polo miúdo todos e cada un dos actos dos que poderemos desfrutar. Como cada semana, o noso Laboratori XXI tratou os temas máis curiosos do mundo científico. Nesta ocasión comentamos a descuberta da tumba do Rei Herodes (si, si, aquel Herodes que comía aos rapaces, como ben dixo Ana Belén) por parte de científicos do Israel. Parece ser que o estado actual é bastante malo por mor dos ataques que sufriu nas revoltas xudeas, anos despois do seu enterramento. Como vén sendo costume, lembramos a un novo persoeiro do mundo científico galego. Desta volta, o protagonista foi José Pérez López-Villamil, quizais o psiquiatra galego máis importante da historia. Lembramos que estudou entre Compostela e Madrid, que traballou como profesor en Madrid, Salamanca e Compostela e que fixo estancias de traballo nos laboratorios máis importantes do mundo, en E.E.U.U., Alemaña, Suiza, Cuba... Esta considerado como a persoa que trouxo a psicoanálese ás universidades e hospitais galegos. Mesmo se falaba de que recibiu a felicitación persoal do grande Sigmund Freud polos seus traballos neste ámbito. Rematamos lembrando a situación que se vive no Ferrol, onde un barco-gaseiro tentou entrar á Ría para descargar gas licuado na planta de Reganosa. Nos dous primeiros intentos os mariscadores da zona conseguiron evitar a descarga. Veremos qué ocorre. Máis nada, lembrar que o martes que vén falaremos das eleccións municipais en Galicia e pasa eso teremos a oportunidade de ter nos nosos estudos a Paco Castro, responsable do BNG de Catalunya e máis de representantes de Galiza Nova Barcelona.

Read more...

O Martes 1 de Maio non hai programa

>> sexta-feira, 27 de abril de 2007

A vindeira semana non haberá "Barcelona Atlàntica" por mor da programación especial que se emitirá na Ràdio Trinitat Vella sobre as eleccións municipais.

Read more...

Central de bombeo no Canón do Sil

>> quarta-feira, 18 de abril de 2007

O coordinador organizativo de ADEGA, Martiño-Fiz López, explicou nos micrófonos do noso programa o proxecto da empresa IBERDROLA no Canón do Sil. Co apoio do alcalde do Concello de Parada do Sil, IBERDROLA pretende instalar unha central hidroeléctrica de bombeo nunha das beiras do Río Sil. Segundo explicou Martiño-Fiz "este tipo de centrais non supoñen unha producción real de enerxía senón que o único que fan é aproveitar as subvencións". O tipo de central que se quere instalar no corazón do Canón do Sil aproveitará as tarifas nocturnas de enerxía que son máis baratas para elevar a auga cara unha das beiras do Sil, aproximadamente a uns 800 metros desde o río, e producirá enerxía durante o día. As obras necesarias precisarán de 8 anos de traballo e estragarán boa parte da paisaxe, hoxe incluída na Rede Natura 2000 e considerada como Lugar de Interese Comunitario (LIC). Como cada Martes, tivemos tempo para falar de ciencia no noso Laboratori XXI. Nesta ocasión falamos dunha nova base de datos na que se poden atopar miles e miles de imaxes relacionadas coa ciencia. O proxecto está coordinado e subvencionado pola Junta de Andalucía e ofrece as imaxes de balde, sen ningún tipo de licencia, polo que mestres, profesores, xornalistas ou divulgadores científicos poden empregalas sen límite. O enderezo é www.sciencepics.org. Tamén tivemos a ocasión de falar dun novo científico, desta volta máis coñecido polo seu traballo como político e escritor, Florentino López Cuevillas. Amais da súa actividade no Partido Galeguista, nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos, soubemos da súa formación en Farmacia, aínda que non exerceu, e tamén dos seus traballos como investigador da prehistoria galega. Os traballos de investigación de Cuevillas serviron para fortaleceren as bases do nacionalismo galego historicista defendido por Vicente Risco e Ramón Otero Pedraio, que tan preocupados viviron pola demostración da orixe celta da raza galega.

Read more...

Mañá, novo programa

>> segunda-feira, 16 de abril de 2007

Volvemos, a partires das 20h poderás escoitarnos ben a través do 91.6 FM, se estás en Horta-Nou Barris, Sant Andreu,Trinitat Vella ou Besos ou ben dende a ligazón deste blog á emisión on-line. Desta volta, falaremos con representantes de ADEGA para que nos conten o que se está a argallar no Canon do Sil, onde pretenden erguer unha central hidroeléctrica.

Read more...

En perigo o conxunto prehistórico da Mourela en As Pontes

>> quarta-feira, 11 de abril de 2007

Nesta ocasión soubemos de que xentes de As Pontes andan a loitar para impedires o fin do conxunto prehistórico formado por catro mámoas e un círculo lítico, e a desestructuración dunha das necrópoles megalíticas máis relevantes do noso país, que se pretende atravesar pola metade cunha gabia de máis de 50 metros de profundidade. Para máis información podes acceder a: <http://www.amigus.org/web/historia/mourela/Dossier_gal.zip> A iniciativa veń da man de ADEGA e da Plataforma na defensa do Patrimonio das Pontes.

Read more...

Furafollas, hoxe no Paseo de Gracia

>> quarta-feira, 21 de março de 2007

No programa de onte tivemos a oportunidade de falar con Anxo Baranga, director de Furafollas, Agrupación de teatro galego de Barcelona, para que nos falase sobre a actuación prevista para hoxe. Contounos que o grupo pretende ofrecer aos asistentes a posibilidade de "facer o camiño de Santiago en dez minutos", de maneira que na viaxe que nos levará dende A Pedrera, "a canteira como dicía Anxo Baranga" e o Centro Sargadelos, atoparemos incribles historias de viaxeiros, compraremos postais e camisetas, recibiremos a compostelana...

Amais de falar dos Furafollas, neste programa tamén iniciamos un novo espazo dentro da nosa sección de ciencia Laboratori XXI, no que pretendemos falar sobre científicas e científicos galegos,. Onte comezábamos coa figura de Olimpia Valencia, doutora ourensana especialista en xinecoloxía. A doutora Valencia, que estudiou na USC e fixo a tese de doutoramento en Madrid, exerceu case que toda a súa actividade como médica en Vigo. Hoxe está considerada como a primeira galega que exerceu a medicina.

Rematamos o noso tempo introducindo o tema das eleccións municipais, ao que ben seguro dedicaremos minutos abondo nos programas vindeiros. Onte debatemos sobre o tema do voto na emigración, situado no 13% do total, dato nada desprezable se pensamos neses concellos do interior galego con escasa poboación.

Read more...

E qué falamos?

>> segunda-feira, 19 de março de 2007

Queremos informar da actualidade social e cultural de Galicia dende unha perspectiva fresca e desenfadada. No programa préstate especial atención aos movementos sociais e as novas tendencias culturais e tecnolóxicas. Na primeira metade do programa acostúmase a tratar un tema de actualidade a través da entrevista do día. Deseguido, a ciencia e as novas tecnoloxías teñen un oco no "Laboratori XXI", onde se informa e se debaten novas científicas de interese. Os últimos minutos do programa aproveitanse para tratar temas sociais que non teñen cobertura nos medios de gran audiencia. Ao longo do programa, pódense escoitar dous ou tres cortes de música galega, acotío temas actuais. Ata agora tratamos de: A enciclopedia libre galega, a Wikipedia e falamos cun rapaz que anda a traballar arreo no proxecto, Antonio Gregorio Montes. Tamén tivemos a oportunidade de falar de ciclismo e do novo equipo galego Karpin Galicia. Nesta ocasión o ciclista Ezequiel Mosquera contábanos a súas impresións horas antes do debú do equipo en Mallorca. Noutro programa tivemos a visita de Rubén Sierra, voz do grupo La Pegatina que se está a converter no símbolo da festa berbena-catalana cos seus temas en castelán, galego e catalán. ¿Que máis, qué máis...? Aaah, tamén chamamos a Francisco Gon da Plataforma GreenPeace que nos explicou o proxecto Rede Litoral Vivo, encamiñado a protección do litoral galego. Falamos con Antonio Reigosa, coordinador de Galicia Encantada, despois de cumpridos dous anos do nacemento dun proxecto que pretende rescatar esa tradición oral galega, que conta a historia imaxinaria de Galicia en base a lendas, ritos, romances ou contos dos que todos podemos dar testemuña. Para evitares o esquecemento, a web de Galicia Encantada rexistra colaboracións individuais que queren deixar constancia de esas historias a piques de desaparecer. Hoxe, dous anos despois ofrece a posibilidade de acceder a preto de mil lendas sobre a morte, o lume, a auga...

Read more...

Catro cousas para comezares

BarcelonaAtlántica, emítese os Martes de 20-21 horas dende Radio Trinitat Vella. Constitúe un programa máis dentro de ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya). A emisión analóxica chega a Trinitat Vella, Sant Andreu, Horta-Guinardó, Sagrera, Besos... A emisión dixital chega a Pekín, Melbourne, Lima, Katmandú, Moscova, Pyongyang, Florianópolis e moitos outros, case que a todo o mundo. É igual por onde andes, podes escoitarnos en RTV-ONLINE.

Read more...

Benvidos

Que siiiii, que xa o sabeeeemos, que o programa de radio BarcelonaAtlántica xa comezou hai unhas semanas e o blog aínda está parado e que amais era unha promesa persoal que agora xa parece unha promesa electoral. Que non chega, que non chega... e CHEGOU: Hoxe, luns 19 de Marzo xa podedes cambiar o conto, xa podedes dicir que "aínda estaba".

Read more...

Barcelona Atlántica

>> quarta-feira, 7 de fevereiro de 2007

Read more...

About This Blog

Entradas máis populares

  © Blogger template Werd by Ourblogtemplates.com 2009

Back to TOP