Escoitando...

>> quarta-feira, 24 de outubro de 2007

Quixemos comezar o programa falando dun novo proxecto que nos chamou moito a atención. A xente de escoitar.org puxo en marcha unha idea para promocionar e dinamizar o noso patrimonio sonoro. Unha web baseada na API GoogleMaps que recolle os diferentes arquivos de audio con sons de Galiza que a xente vai pendurando. O coordenador do proxecto, o antropólogo Chiu Longina (na imaxe) explicábanos que o seus obxectivos tamén pasan por empregar o conxunto de arquivos sonoros para unha exploración social da realidade actual.

Como cada semana tivemos a oportunidade de lembrar a un novo científico, nesta ocasión ao médico do Barco de Valdehorras, Gonzalo Gurriarán, quen naceu no Barco no ano 1904 e marchou a estudar Medicina a Madrid onde rematou no ano1926. Da mesma maneira que o fixeron todos os investigadores destacados nestes primeiros anos do século XX, o médico do Barco tivo a oportunidade de facer a súa tese de doutoramento no estranxeiro, concretamente en Estrasburgo. Cando volveu a España montou unha consulta privada en Madrid ao tempo que continuaba os seus traballos de investigación, colaborando con xente de primeiro nivel como Negrín. O alzamento do 36 sorprendeuno nas súas vacacións no Barco e alí ficou agochado durante meses, non porque fora militante de partido algún nin tivera colaborado con entidades da esquerda, soamente polo grandísimo pecado de aceptar unha bolsa da ILE, institución de marcado carácter republicano.

No programa de onte tamén tivemos a oportunidade de contar coa presencia de Silvio Falcón co que tratamos unha grande diversidade de temas ao longo do programa. Falamos da web esquelas digitales, onde os usuarios teñen un recuncho eterno para os seus seres queridos. Tamén quixemos debater sobre o problema de Iolanda Castaño con Aduaneiros, a Asamblea Nacional da Esquerda Nacionalista-Mocidade, sobre as declaracións de Mariano Rajoy sobre o cambio climático e mesmo sobre o voto emigrante, un tema que de seguro volverá entrar no programa en semanas vindeiras.

0 comentários:

Enviar um comentário

About This Blog

Entradas máis populares

  © Blogger template Werd by Ourblogtemplates.com 2009

Back to TOP